Ummm que ricas son … Outra forma para comer plátano e froitos secos tan sans como as noces.
Ingredientes
1 plátano maduro
1 ovo
125 ml de leite enteiro ou vexetal
100 g de fariña
1 culleriña de fermento en po
1 cullerada de manteiga
Noces
Mel
Elaboración
No vaso da batedora engadimos o plátano maduro partido xunto co leite. Batemos todo ben e, a continuación, engadimos o ovo xunto coa fariña e o fermento en po, removemos e despois batemos ben ata que a mestura quede sen grumos. Engadimos a manteiga e volvemos bater.
Nunha tixola estilo prancha, poñemos un pouquiño de manteiga para que se engraxe e, cando estea quente, botamos un cullerón coa masa. Cando aparezan as burbullas e a parte lateral das tortas estea dourada, dámoslle a volta.
Servimos acompañadas cun chorro de mel e noces. Tamén se se quere con sirope de chocolate.