Adoitan gustar moito como acompañamento, aquí cociñámolas como prato principal. Teñen un alto contido en fibra e minerais.
Ingredientes
4 berenxenas
500g de carne de Tenreira Galega picada
1 allo porro
1 cebola
1 bote de tomate frito
2 cenorias
1 ceboliño
Elaboración
Córtanse as berenxenas longitudinalmente e baleíranse. Reservamos a carne das berenxenas.
Nunha tixola, poñemos no fondo un bo chorro de aceite de oliva e fritimos o allo porro, a cebola e as cenorias que previamente cortariamos e picariamos.
Cando estea listo este sofrito, engadimos a carne picada e a carne das berenxenas. Cando estea todo feito, engadimos o tomate frito e deixamos que se faga durante uns 5 minutos. Engadimos sal.
Unha vez teñamos a mestura lista, retiramos e imos enchendo o interior das berenxenas con ela.
Nunha bandexa de forno, colocamos as berenxenas e enfornamos a 180 °C durante 10 minutos.
Sacamos do forno e servimos. Podemos decoralas con ceboliño picado.