A empresa Culinaria, dedicada a servizos de cátering e restauración e Froiz renovamos por catro anos o acordo para a subministración de produtos frescos destinados aos menús das escolas infantís Galiña Azul da Xunta de Galicia. A colaboración, iniciada en 2020, chegará neste curso escolar a máis de 5.000 nenos e nenas de entre catro meses e tres anos.
O servizo prestarase en máis dun centenar de escolas distribuídas por máis de 80 localidades galegas. Culinaria, elaborará diariamente ao redor de 5.000 menús, mentres que Froiz encargarase de fornecer alimentos frescos como carnes, peixes, froitas, verduras e legumes.
O modelo de distribución apoiarase nos supermercados Froiz máis próximos a cada escola infantil. Isto permitirá acurtar as distancias de subministración, axilizar as entregas e responder con maior rapidez ás necesidades dos centros, alén de manter as condicións de frescura, calidade e rastrexabilidade dos alimentos.
«Alimentar cada día a máis de 5.000 nenos e nenas é unha responsabilidade que esixe coidar tanto a calidade dos produtos como a súa elaboración», sinala a directora de operacións de Culinaria, Pilar Trujillo, quen destaca que a colaboración con Froiz permite dispoñer de «unha subministración fresca, próximo e fiable» para elaborar os menús..
O acordo mantén tamén a aposta de ambas as empresas galegas polos produtos locais e de proximidade, coa incorporación de provedores e produtores de Galicia á cadea de subministración.


