Un ano máis, distintos usuarios da Asociación Down Galicia participaron na campaña de Nadal de Froiz. Contratáronse varias persoas da bolsa de emprego que ten activa a asociación, para realizar labores de apoio á elaboración das distintas cestas e lotes de Nadal, produtos que posteriormente son vendidos nos distintos establecementos Froiz e tamén na tenda en liña.
Estas persoas reciben cada ano formación específica por parte dun preparador laboral da asociación, quen lles ensina as técnicas que son necesarias para desempeñar o seu posto de traballo.
Unha vez que teñen a formación adecuada desenvolven a súa actividade diaria no almacén de Froiz Nadal con total responsabilidade. A empresa Froiz repite cada ano esta experiencia laboral con Down Galicia consciente da importancia da inclusión social.
Ademais, as tarxetas de felicitación de Nadal da empresa deste ano, foron elaboradas a man por persoas con discapacidade intelectual pertencentes a outra asociación. É o caso da Asociación Xoán XXIII, dedicada á formación e promoción integral destas persoas con sede na cidade de Pontevedra.