A empresa #Froiz recibiu un novo recoñecemento pola súa traxectoria empresarial. Neste caso, foi de parte da Asociación de empresarios galegos de Cataluña (Aega-CAT) quen galardoou a distintos representantes galegos do mundo da empresa, do emprendemento, a cultura, as artes, a ciencia, a acción solidaria, o deporte e a comunicación. A entrega dos premios Excelencia Galega, que é como se denominan, tivo lugar en Barcelona e contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A empresa #Froiz foi premiada pola súa “Excelencia empresarial” nestes 55 anos de andaina empresarial, pola súa contribución á contorna: xera de 6.400 empregos directos, e conta con máis de 340 puntos de venda (tendas propias e franquía) en España e Portugal. Sitúase entre as 20 primeiras empresas do sector a nivel nacional e forma parte da central de compras: Euromadi. Desde a súa fundación, o seu obxectivo é ofrecer aos clientes a mellor calidade aos mellores prezos, cun bo servizo e atención en centros de proximidade.
O director xeral, José Froiz, agradeceu o galardón e afirmou que isto non sería posible sen o esforzo e traballo conxunto de todo o equipo humano do grupo Froiz, provedores e colaboradores, “un premio aos clientes que confiaron en nós durante estes 55 anos de traxectoria empresarial”.